CIMO, Entidade Prestadora de Servizos, creou e xestiona CIMOEMPREGO, O Portal Galego do Emprego.
CIMO é unha institución sen ánimo de lucro, Entidade declarada de Utilidade Pública.
A súa sede principal está situada na Rúa Díaz da Banda Nº 18, baixo, xunto á Rotonda de Curros Enríquez, na cidade de Ourense, Galicia, España. O seu número de identificación fiscal é o G32010449.
Localización da sede de CIMO en Ourense
Nada en 1994 e xerada polo entusiasmo dun grupo de mozos motivados por realizar accións en beneficio dos demais, CIMO mantivo durante toda a súa traxectoria o mesmo obxectivo central que inspirou a súa fundación: a dedicación ao servizo social.
Este propósito animou durante anos a súa múltiple actividade diaria, dedicada a servir en xeral á sociedade e en particular aos seus sectores máis precisados de cooperación e axuda.
Son múltiples os eidos nos que se desenvolve a actividade do centro: laboral, empresarial, formación, reinserción, cultural, recreativo, comunicación...
Deles poderiamos destacar especialmente a loita activa contra o desemprego e a favor de políticas efectivas de inserción socio-laboral.
A filosofía de acción da entidade baséase en tres piares:
información
asesoramento apoio
A partir destas tres liñas estrutúrase a variada oferta de servizos que atopan os usuarios que se achegan a CIMO. Entre eles destácanse:
- Colocación
- Información
- Orientación laboral
- Asesoramento
- Apoio ao autoemprego e á creación de empresas
- Formación
Sede CIMO. Rotonda de Curros Enríquez, Ourense
Dende a fundación do Servizo Galego de Colocación, órgano de intermediación do Servizo Público de Emprego, pertencente á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, CIMO está adherido ao mesmo como Centro Asociado.
CIMO dispón na actualidade de milleiros de currículos de persoas que depositaron na institución a súa confianza para a obtención dun emprego.
Así mesmo, cada día, empresarios de toda Galicia acoden a CIMO para a cobertura gratuíta das súas necesidades de persoal.

CIMO xestiona unha ampla base de datos de ofertas de traballo activas.
Esta é actualizada diariamente e os seus rexistros proceden non só de Galicia senón doutros lugares da xeografía española e incluso do estranxeiro. Atópase a disposición de todos os interesados, demandantes e empresarios, de modo completamente gratuíto, como un dos servizos deste Portal Galego do Emprego, premendo na opción BUSCADOR DE OFERTAS do Menú.
 |
Ademais, pódese contactar con esta base de datos chamando a Telemprego CIMO, o teléfono das ofertas de traballo, o máis importante servizo do seu tipo dos que actúan en territorio español. Este opera a través do número 902 11 60 39. A través del, centos de usuarios reciben cada día, sen custe algún, información sobre oportunidades de emprego, formación, bolsas e axudas.
Vostede pode chamar a Telemprego CIMO, agás días festivos, no seguinte horario:
De luns a venres de 8:00 a 14:00 (hora peninsular española). |
As oportunidades de emprego de que dispón CIMO tamén poden ser consultadas cada día nos xornais "La Región" (Ourense) e "Atlántico Diario" (Vigo) e semanalmente no Suplemento “Euro” que se distribúe os domingos con estes xornais.
Centenares de ofertas publícanse nas seccións de CIMO en dous xornais de anuncios que circulan por todo o territorio galego: "O Mensaxeiro" e "El Rastrillo", ambos de frecuencia quincenal. Tamén é posible atopar centos de ofertas xestionadas por CIMO na web Laboris.
Todos os meses aparecen ofertas de CIMO nas revistas "Primera Edición".
Unha selección das nosas ofertas destacadas publícase semanalmente en:
- Revista "Información Semanal" (editada pola Rede RIX da Xunta de Galicia).
- TV de Galicia: varias páxinas do seu Teletexto.
- TV de Galicia: programa magazine "Bos Días".
- Radio Galega: programa "Estudio 3".
- En virtude do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia e CIMO, a Rede Galega de Información Xuvenil (RIX) distribúe os dossiers do programa "Información Útil para o emprego", elaborados pola Área de Comunicación e Contidos de CIMO. Estes materiais conteñen ofertas de traballo das catro provincias galegas e chegan, con periodicidade semanal, a Oficinas de Información Xuvenil, asociacións e entidades prestadoras de servizos á Xuventude, Casas da Xuventude e outros centros de atención e información de toda Galicia.
Emprendendo o camiño da autofinanciación, CIMO desenvolveu unha factoría de contidos para Internet que se atopa en pleno funcionamento e xera materiais diversos (bases de datos de farmacias de garda, de concertos, de restaurantes, carteleira de cines, etc.) que se subministran a portais e webs líderes de Internet como terra.es, mundo-r e ya.com.

No apartado educativo, CIMO Centro de Formación mantén sede propia, con máis de 500 metros cadrados, situada na Rúa Río Casaio Nº 2-4, no ourensán Barrio do 21.
Nas súas instalacións ofrécense diferentes cursos gratuítos de Formación Ocupacional destinados a desempregados que desexen adquirir coñecementos que lles permitan aumentar as súas posibilidades reais de atopar un posto de traballo.
Ademais, CIMO Centro de Formación organiza e imparte, a solicitude de entidades interesadas de toda Galicia, Cursos de Técnicas para a Busca Activa de Emprego que se ofrecen a grupos de persoas en paro, estudantes e colectivos de difícil inserción laboral.
Outras actividades a sinalar son os Cursos de Formación de Técnicos de Emprego e outros, de ámbito menos ocupacional, como os de mellora da calidade de vida, ocupación do tempo libre e de desenvolvemento de habilidades.
En colaboración co IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica), a Área de Autoemprego de CIMO realiza, varias veces cada ano, seminarios e xornadas de fomento do autoemprego e apoio á iniciativa empresarial nas que participan ducias de futuros emprendedores.
CIMO forma parte da Rede de Técnicos de Emprego da Dirección Xeral de Fomento do Emprego da Xunta de Galicia.
Dentro do seu obxectivo de apoiar o autoemprego como unha forma efectiva de combater o paro, CIMO titoría cada ano entre 200-300 proxectos empresariais, xeralmente ideas de mozos emprendedores con poucos recursos, aos cales se lle ofrece asesoría individualizada e gratuíta en todo o proceso de creación das súas empresas, dende a fase inicial ata a posta en marcha.

Entre as accións de CIMO encamiñadas ao fomento da cultura emprendedora destaca a convocatoria do Certame de Ideas contra o Desemprego e Proxectos Empresariais, concurso xa consolidado e de ámbito nacional, que a entidade convoca coa colaboración da Asociación de Xoves Empresarios e o apoio da Dirección Xeral de Fomento do Emprego da Xunta de Galicia.
Este evento caracterízase polo elevado número de participantes e pola calidade dos traballos presentados. Dende a súa primeira edición en 1996, o certame promoveu varias empresas xurdidas de proxectos presentados e que contaron, na súa posta en marcha e afianzamento, coa colaboración de especialistas da Área de Autoemprego de CIMO.
Precisamente, a partir dunha idea gañadora no concurso, naceu LIMACO, sociedade mercantil patrocinada e promovida por CIMO e que cumpre unha notable labor social: a inserción no mundo laboral de persoas pertencentes a colectivos con serias dificultades á hora de atopar un posto de traballo.
Esta empresa traballou, dende a súa fundación, nos campos da limpeza e o mantemento (onde actúa co nome comercial de LIMACO) e na consultoría e asesoría ao empresariado (baixo a marca CENTRO DE XESTIÓN).
CIMO traballou, dende a súa fundación, en accións de formación, orientación e reinserción laboral de colectivos con problemas de marxinación, drogadicción e delincuencia.
Neste campo e mediante convenios subscritos, a entidade colabora cos Servizos de Inserción da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e coa Concellería de Sanidade e Servizos Sociais do Concello de Ourense.

No ano 2001, CIMO foi declarada ENTIDADE DE UTILIDADE PÚBLICA polo Goberno do estado español, valorando así os anos de traballo da organización e a efectiva proxección social do seu labor.
O servizo público que CIMO presta foi recoñecido e apoiado por diversas administracións, dende o nivel local ata o europeo:
Excmo. Concello de Ourense,
Excma. Deputación Provincial de Ourense,
Xunta de Galicia,
Goberno Central (a través dos Ministerios do Interior e de Traballo e Asuntos Sociais)
Unión Europea
CIMO mantén estreitas relacións de colaboración coa rede estatal ARAÑA, Tecido de Entidades Sociais polo Emprego, da que ostenta a representación na Comunidade Autónoma de Galicia.
A presenza de CIMO en ARAÑA concrétase coa súa participación activa nas accións que dita entidade desenrola: Rede Xeral de Información Programa Labora, Asesoría laboral a inmigrantes e outras.
Outras entidades, empresas e organizacións coas que CIMO interactúa son:
R
Integración e subministro de contidos en mundo-r
Terra
Subministro de contidos para servizos de Internet e telefonía
Menor e Asociados
Bufete de avogados co que asinou un convenio para ofrecer asesoramento xurídico gratuíto aos desempregados inscritos na base de datos de CIMO
Caixanova e Bispado de Ourense
Bolsas a licenciados en historia para realizar prácticas no Arquivo Diocesano de Ourense
Cáritas Diocesana (Santiago de Compostela e Ourense)
Accións de información, formación e inserción laboral
Fundación San Rosendo
Programa de prácticas para usuarios de CIMO con titulacións en fisioterapia, psicoloxía, FP clínica e ATS-DUE
Autoescola Progreso
Descontos nas cotas de cursos de condución a usuarios de CIMO
CEO (Confederación Empresarial de Ourense)
Accións de fomento do emprego xuvenil
Servizo de selección de persoal a todas as empresas integradas na CEO
Universidade de Vigo
Prácticas en CIMO de alumnos da Facultade de Humanidades; outras actividades conxuntas
Cámara de Comercio e Industria de Ourense
Diversas accións
Fundación Feiras e Exposicións de Ourense (Expourense)
Colaboración en eventos, destacándose a co-organización de FOROEMPREGO (Salón do Emprego, os Emprendedores e a Franquía)
Federación de Academias
Intercambio de información
Federación de Empresarios
de Hostalería
Intercambio de información; cobertura de necesidades de persoal
Banco Gallego, S.A.
Esta entidad privada realiza
una actividade de mecenazgo en relación con CIMO
APETAMCOR, Asociación de Empresarios de Transporte de Ourense
Cobertura de necesidades de persoal dos empresarios asociados
Unión de Consumidores
de España
Realización de prácticas de cualificación profesional de diplomados en Educación Social
Contacte con CIMO enviando un e-mail á dirección de correo electrónico
info@cimoemprego.com
O ANO 2004 DE CIMO EN CIFRAS
572.005
visitas á páxinas web www.cimoemprego.com
41.040 demandantes de emprego chamaron ao Servizo Telefónico Telemprego CIMO
7.667 ofertas incluídas na nosa base de datos de emprego
Entre 900 y 1100 ofertas abertas e dispoñibles cada día
720.345 registros
noutras bases de datos da Factoría de Contidos CIMO
1.814 empresas confiáronnos a súa busca de persoal
5280 ofertas xestionadas directamente pola Área de Colocación de CIMO
Cerca 500 alumnos participaron nos nosos cursos e accións formativas
435 proxectos empresariais asesorados e titorizados pola Área de Autoemprego (647 emprendedores atendidos)
262 edicións do Boletín Diario de Ofertas de Traballo e Información Útil para o Emprego (distribuídas vía correo electrónico a UADs, Oficinas de Información Xuvenil, Técnicos de Emprego, Concellos, Asociacións e outras entidades en toda Galicia)
CIMO
Entidade declarada de Utilidade Pública
|