Está en: CIMOEMPREGO > Más opcións > Infórmese Portada   
   INFÓRMESE  

Resumo: NOTA 1: CIMO EN INTERNET  




CIMO EN INTERNET:    de   cimo.org    a    cimoemprego.com


ANTECEDENTES

Dende a súa fundación en 1994, a entidade ourensá CIMO caracterizouse pola dinámica como método e como aposta. Unha vez consolidado o seu traballo dos primeiros anos e ben establecida a súa imaxe pública como principal centro impulsor da loita contra o desemprego e motor xerador de diversas iniciativas de beneficio social en Ourense, a entidade considerou chegado o momento de ampliar os efectos das súas accións e o seu radio de influencia co fin de chegar a un maior número de persoas.

É así que pon en marcha, en abril de 1996, o seu propio programa radial en Onda Cero e comeza unha campaña para multiplicar a súa presenza en distintos medios de comunicación locais e autonómicos, (tanto xornais e revistas como emisoras de radio e televisión). En setembro dese ano ve a luz o seu primeiro esforzo editorial, a revista "Entérate con CIMO".

Seguindo coa súa política de ampliación de fronteiras, poucos meses despois, nos primeiros días de 1997, comeza a funcionar Telemprego CIMO, o teléfono das ofertas de traballo, co apoio sostido da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia e do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais. Este innovador servizo, prestado a través dos teléfonos 902 11 60 39 e 988 39 15 25, puxo gratuitamente ao dispor dos demandantes de emprego unha ampla base de datos de oportunidades de traballo xeradas en Galicia e toda España. Rapidamente obtivo unha grande aceptación e estableceuse como o que aínda hoxe en día continúa sendo: unha ferramenta de información con grande utilidade para aquelas persoas que tentan atopar un emprego e para aqueles empresarios que precisan traballadores.


NA REDE

www.cimoemprego.com herdeira e continuadora da actividade de CIMO en Internet, representa un gran paso adiante nunha traxectoria nada en 1996, cando a rede de redes comezaba a súa expansión en España. CIMO apostou decididamente por este novo medio de comunicación e inaugurou a súa presenza nel cunha web propia: www.cimo.org.

Ao principio modesta e con poucos servizos, foise enriquecendo de maneira sostida, en contidos e deseño, ao longo dos anos seguintes, converténdose nun importante instrumento para un considerable número de usuarios residentes fóra de Ourense que puideron así acceder aos beneficios que brinda CIMO.

Dende o 96 ata novembro de 2002, en que apareceu a presente web para sucedela, www.cimo.org foi afirmándose ata chegar a ser unha páxina de referencia no relativo ao mercado laboral galego, recibía 1000-1500 visitas diarias e nela aloxábanse os chamados Teleservizos CIMO, entre os que se atopaba a versión virtual do Servizo Telefónico Telemprego, cuxa base de datos íntegra trasladábase diariamente á rede e púñase á disposición gratuíta de todos os que precisasen consultala. Para iso, dotouse á web cun eficaz motor de busca que permitía localizar, de xeito sinxelo e rápido, a oferta de traballo que interesaba, entre os milleiros que se atopaban dispoñibles cada día.

Tamén os novos empresarios e as persoas que estaban pensando en montar unha empresa acharon na primeira web de CIMO un apartado adicado a eles, no que se emprazou a Bolsa de Oportunidades de Negocio e Autoemprego coas súas tres seccións: Franquías, Negocios e Solicitudes de Socios con Capital Inversor. Completaba a oferta de cimo.org a Asesoría a Distancia, servizo gratuíto de asistencia legal nos ámbitos xurídico, laboral, fiscal e mercantil así como asesoramento sobre axudas, subvencións e información administrativa en xeral.


CIMO: FACTORÍA DE CONTIDOS

Outra das vertentes de Internet nas que CIMO desenvolveu o seu traballo é a de provedor de materiais para distintos lugares da rede. Dende 1998, a Área de Contidos e Documentación da entidade colabora con Terra, o portal máis importante de fala hispana a nivel mundial, ao que facilitou bases de datos de emprego, farmacias de garda e a Bolsa de Oportunidades de Negocio e Autoemprego, esta última nunha versión ampliada a todo o territorio español. Tamén entre os clientes significativos que contaron con contidos creados en CIMO cabe destacar a ya.com, caracterizado pola súa dedicación a temas de ocio e espectáculos e a mundo-r, plataforma da empresa galega de telecomunicacións R.


DA WEB AO PORTAL MULTISERVIZOS

CIMO logrou altos niveis de eficiencia e acumulou unha gran experiencia no campo da intermediación laboral. Nos primeiros anos da web de CIMO, esta reflectiu o mundo do emprego a través da información, con énfase en dar a coñecer aos internautas as ofertas de traballo do servizo Telemprego. Pero a información, con ser fundamental, é só unha parte do todo. Quedarse detido nun mundo tan dinámico como o que vivimos significa retroceder. Era necesario ir a máis.

Desta convicción xurde o proxecto de transformar a presenza de CIMO en Internet a través dun portal multiservizos que, ademais de informar, contase cunha incidencia significativa na interactividade. Esta idea estivo na mente dos responsables da entidade dende fai anos. Tratábase de crear un CIMO virtual e diversificado no que se ofrecesen non só os mesmos servizos do CIMO real senón ademais outros novos que Internet permite brindar, para que demandantes e oferentes de postos de traballo accedan a unha verdadeira axencia de emprego a distancia.CIMOEMPREGO, O Portal Galego do Emprego, é o primeiro paso nesa dirección.

Dende os seus inicios, este ambicioso proxecto, quizais o máis relevante da historia de CIMO, contou coa comprensión e o apoio da entón Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Xunta de Galicia, a través de dúas das súas Direccións Xerais: a de Formación e Colocación e a de Fomento do Emprego. Hai que resaltar a significación que ten o feito de que a CIMOEMPREGO se lle permitira constituírse na primeira oficina virtual do Servizo Galego de Colocación, no primeiro centro asociado de dito Servizo Público de Emprego que transcendeu o ámbito de acción local para actuar por Internet a nivel de toda Galicia.

Para por en marcha esta idea CIMO precisaba atopar un socio tecnolóxico de primeiro nivel, que aportase as ferramentas de telecomunicación precisas e unha establecida solidez empresarial. De aí a importancia de entrar en contacto co operador galego de telecomunicacións R. A partir do encontro con R, que xa tiña entre os seus proxectos incorporar temas de emprego á súa central de servizos interactivos mundo-r, CIMO incorpórase á mesma como socio provedor de contidos e servizos, cóbado a cóbado cun grupo de empresas punteiras en diversos sectores da economía galega.

É así como a web transfórmase no presente portal multiservizos. O propósito é servir máis e mellor a cada vez máis usuarios. Trátase dun camiño de longa andanza, que apenas comezamos. Todo o persoal de CIMO percórreo coas súas ilusións a tope, a certeza de que hai que traballar duro e a vista posta no éxito a longo prazo, ese que se gaña día a día.

Benvidos a CIMOEMPREGO

"Subir"

CIMO
Entidade declarada de Utilidade Pública

CIMOEMPREGO está xestionado por CIMO, Entidade declarada de Utilidade Pública. © Dereitos reservados